.
20/12/2019. O Foro pola Economía Social Galega reuniuse onte en Santiago de Compostela para realizar un balance das actividades realizadas en 2019 e trazar as liñas estratéxicas de desenvolvemento para 2020. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e a subdirectora xeral de Economía Social, Alba Paz, asistiron á reunión, xunto con representantes das cinco entidades que o conforman.
Ao longo de 2020, o Foro pretende impulsar actividades conxuntas das entidades que o conforman, considerando que inician un camiño de colaboración que xera importantes beneficios para a sociedade galega.
O Foro constituíuse en marzo de 2019 cos obxectivos de dar visibilidade á economía social ante a sociedade e os principais axentes económicos, representando os seus intereses ante as diferentes institucións políticas, económicas e sociais, e xerando as condicións adecuadas para o desenvolvemento das súas entidades a través da intercooperación e o acceso aos procesos de contratación públicos.
Está formado por AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias), AEIGA (Asociación de Empresas de Inserción de Galicia), AESGAL (Asociación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia), Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro) e EspazoCoop (Unión de Cooperativas Galegas).
Durante 2019, o Foro estivo presente na conmemoración do nomeamento de Galicia como Rexión Amiga da Economía Social por parte da Comisión Europea, en maio, e publicou o Manual Divulgativo da Economía Social en Galicia. Tamén promoveu un ciclo de “Economía Social Meetings” (no marco da Rede Eusumo), encontros divulgativos sobre temáticas como axudas para emprendemento e para a internacionalización, así como sobre ciberseguridad ou investigación e desenvolvemento, entre outras temáticas.